Aquí estamos co noso Pasaporte Solidario!
Para animarnos no noso labor de voluntariado visitounos Cecilia Vázquez Suárez, Directora Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado. Levamos unha alegría ao seleccionaren o noso instituto para facer a presentación do programa do Pasaporte Solidario. Moitas grazas!

Pedalando pola Paz

pedalando pola paz
pedalando pola paz





O 30 de xaneiro foi o Día escolar da non violencia e da Paz. Por este motivo, o noso centro organizou unha pedalada solidaria que percorría o camiño que moitos refuxiados sirios están a emprender cara a un futuro mellor. Quixemos traer á memoria a imaxe viral de Aylan Kurdi, o neno kurdo de dous anos que apareceu afogado nunha praia de Turquía e facer virtualmente esa viaxe: de Kobane -a cidade kurdo-siria fronteiriza con Turquía- a Bodrum -suroeste de Turquía- e de alí, á illa grega de Kos (1.313 kms.) Para levar a cabo esta actividade, o Centro puxo ao dispor do alumnado unhas bicicletas na entrada que contabilizan os quilómetros que rapaces, profesores e persoal non docente percorren. Cada un de nós tiña unha tarxeta de patrocinadores, isto é, procuramos xente que estivese disposta a pagar unha cantidade simbólica por cada quilómetro que faciamos. Todos os cartos recadados até o día 30 foron destinados á oenegué ACNUR, a axencia da ONU para os refuxiados.

Tras o éxito acadado, puxémonos  en contacto co embaixador galego de boa vontade de ACNUR, Jesús Vázquez, para presentar esta iniciativa e cómpre dicir que ao pouco recibimos unha postal na que mostraba o seu agradecemento e apoio a todo o alumnado implicado nesta actividade.

Esta iniciativa foi presentada á directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado nunha visita  ao noso centro con motivo dun outro programa de Pasaportes solidarios.  Achegámoslle as nosas propostas e a intención de continuar con este proxecto nos seguintes anos e facelo extensivo a outros centros  e lugares do concello de Cambre.